Benvidos á Sala do Perello

Ola, a semana pasada un grupo de persoas de Muxía comezamos un Curso de Galego aplicado ás novas tecnoloxías ,  e hoxe como exercicio estamos na clase , con Ubaldo Cerqueiro, aprendendo a crear un blog. En galego, obviamente.

A partir de hoxe espero poder seguir traballando neste blog no que irei contando o que fago no meu traballo de pintura e escultura, por que o fago e de onde nace este proxecto artístico que vive no meu obradoiro que se chama Sala do Perello e que está en Muxía. Noutro momento contarei o porqué do nome , que xa está na miña web (www.vikirivadulla.com).

Hoxe vai chegar con colgar o artigo que escribin tamén no curso, no que reflexionaba sobre o porque de este curso, ou da necesidade que eu lle vexo.

POR QUE UN “CURSO DE GALEGO APLICADO ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS”?

O  día 17 de setembro comezou o “Curso de galego aplicado ás novas tecnoloxías “que o Concello de Muxía inclúe dentro do seu programa de dinamización lingüística “Muxía, vivindo en galego”.

E moitas persoas preguntan que para que un curso de galego aplicado ás novas tecnoloxías, se o que realmente faría falta sería ou un curso de galego ou un curso de informática sen máis.

Pero hai moitas razóns que dan sentido a este curso. A primeira delas a necesidade de  vivir en galego que moitos e moitas sentimos.

 Vivir en galego

Para que unha lingua estea normalizada ten que que ser unha lingua viva, como é o galego, pero ademais que poidamos empregar en tódolos ámbitos da nosa vida.

A ninguén se lle escapa que hoxe unha porcentaxe enorme da información e da comunicación danse a través da Rede. No lugar onde eu vivo, por sorte, aínda é un lugar onde a inmensa maioría da poboación fala habitualmente galego, pero …que pasa cando procuramos algunha información en Internet, cando lemos nas redes sociais ou cando baixamos documentos da rede.? Aí as dificultades para o galego xa son maiores.

En Muxía houbo un mestre, creo que o mellor que pasou por aquí, Xoan Babarro, que, nos anos 60, ensinou aos nenos e nenas que podían aprender matemáticas en galego; aquela toma de conciencia para coa lingua propia marcou a toda unha xeración…e hoxe, moitos anos despois os nosos mozos e mozas galegos han de poder ter na súa man tódalas ferramentas necesarias para poder desenvolver toda a súa actividade vital e “dixital” en galego.

O galego é unha lingua actual, fermosa, moderna, vizosa , cunha literatura envexable por calquera cultura…e que tamén ten que estar nos computadores. ( Aproveito tamén para lembrar que non só de internet vive o home , que tamén hai que fomentar a lectura de libros – a fermosa factura, o recendo e o tacto dun libro nunca poderá ser superado por ningún outro soporte- e a cultura do lapis e papel, fundamentais para unha boa redacción , para aprender a estudar e organizar os contidos dun bo traballo;os mestres teñen a obriga de fomentar a lectura e a escritura nos pequenos , pero ese non é hoxe o tema, non quero deixarme levar pola paixón que teño polos libros e a escrita, imos ao noso).

 Pola identidade propia

Este curso busca estimular en toda a poboación un uso xeneralizado do galego, superando os prexuízos e presións negativas, fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación, ampliar a oferta de produtos tecnolóxicos e de recursos informáticos en galego, potenciar a presenza da lingua galega en Internet e fomentar todo tipo de creatividade en galego

O galego ten que estar presente en tódolos ámbitos da nosa vida, non pode ser que unha lingua sexa válida para unhas cousas e non para outras.

Que estamos transmitindo aos mozos cando non atopan recursos na rede na súa propia lingua?

Por iso é importante fomentar a presenza da nosa lingua en internet , igual que no resto dos ámbitos da vida pública e privada.

Moitos mozos galegofalantes cambian de idioma cando entran en redes sociais. E  non vale iso de que tanto ten, ou de que me vou comunicar con máis xente de todas partes se falo en castelán , …e tódalas persoas do mundo lusófono que poden entendernos e cos que podemos comunicarnos en galego? E por que mostrarse ao mundo de forma diferente a como somos?, non somos galegos? Un amigo que faga ese mozo ou moza galegofalante a través de internet, se algún día quere coñecelo de verdade, no seu entorno real coñecerao como unha persoa galegofalante nun entorno de galegofalantes, por que maquillar iso?

Adoptar un compromiso

Trátase de adoptar unha responsabilidade co mundo e coa situación na que estamos, e tamén coa situación do noso idioma, tan perigosamente ameazado.

Cando estamos facendo uso da nosa lingua estamos non só exercendo un dereito de vivir no noso propio idioma, estamos ademais achegando algo á supervivencia da nosa cultura e da nosa sociedade, e estamos gardando respecto por tódalas persoas que antes , durante séculos dedicaron as súas vidas e o seu esforzo a conservar a lingua, tanto os que o fixeron de forma consciente e como toma de postura na vida, como os que de xeito inconsciente,  tan so co seu día a día mantiveron viva a nosa lingua.

Eu apunteime ao curso con moito gusto. Quero acender o meu ordenador en galego cada día.

Creo que un curso coma este sería fundamental en tódolos centros educativos.

Un pracer asistir a este curso, ah e o profesor, Ubaldo,…de luxo!

 

 

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.