CABEZALLO:OS OLLOS DAS CABRIAS

A fotografía que escollin como cabezallo non é da Sala do Perello , que da nome ó meu obradoiro, senón que é un anaco dun cadro meu que se chama ” Os ollos das cabrias”.

Os ollos das cabrias. Técnica mixta

Por que escollo este cadro para abrir o blog?.Pois porque para min a cultura do mar é fundamental e neste cadro expreso un pouco o mundo visto dende o traballo ligado ao mar.

Este cadro quere representar o mundo visto a través das xanelas que se abren nos corpos dos congros para secalos ao aire. O secado do congro é unha forma de conservación de este peixe que ten séculos de antigüedade. Os congros ábrense , e preparanse cunha técnica artesanal para colgalos a secar ao vento nunhas estruturas de troncos de madeira que se denominan cabrias. Ao corpo do congro dánselle uns cortes limpos que permiten pasar o aire e secar o peixe; estes cortes danlle ao peixe un curioso aspecto como de rede. Estes son para min os ollos das cabrias.

Por toda a costa galega existiron secadeiros , pero hoxe solo se conservan en Muxía ; é o único lugar onde ainda hai persoas que traballan o secado artesanal de este peixe.

Por iso o secado do congro representa para min todo un símbolo de resistencia mariñeira. Os secadeiros de congro son símbolo dunha forma de vida : a cultura mariñeira, a intelixencia do home para aproveitar e aliarse co persistente nordés que azouta fortemente á Costa da Morte e que en Muxía é sabiamente aproveitado para secar o peixe. Así homes e mulleres aprenden a convivir cunha natureza salvaxe e dura, cun clima hostil , que se convirte con intelixencia, nunha ferramenta de traballo, nese prodixio de arquitectura rural que son as cabrias de secado do congro..

“Os ollos das cabrias” é o mundo mariñeiro, a vida vista dende esta forma de estar no mundo.

Os congros, colgados ao vento coma pendóns mariñeiros dan lugar a unha estética fermosísima na nosa costa , que chama a atención de quen nos visita. Representan ademáis toda unha cultura que resiste ante a economía globalizadora, ante o desmantelamento do mundo tradicional mariñeiro, ante un mundo cada vez máis mecanizado e superproductivo e ante a Historia que foi vendo como tódolos secadoiros da costa galega foron desaparecendo exceptos estos, os secadoiros de Muxía que seguen a resistir o paso do tempo .

E ,como non ?, ao fondo, a través dos “ollos das cabrias” , está o mar .

Ese mar bravo da Costa da Morte que irrumpe con forza nas nosas vidas, que as enche e as dota de sentido… O potente imaxinario do mar… esa forza creadora é a orixe de toda unha forma de ser e de estar .

O vento e o mar  esculpen un a un aos que vivimos nesta costa; vivir na Costa da Morte é vivir ao borde do mundo, no límite en tódolos sentidos .

Así é a vida na Costa da Morte e así a vexo a través de estes ollos das cabrias

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.