DOS RETRATOS DE ANTONIO NODAR AOS AUTORRETRATOS DOS NOSOS GOBERNANTES

O venres acudín á inauguración da mostra de Antonio Nodar, ”Do retrato ó autorretrato”, na Sala Antón Mouzo de Vimianzo. Antonio Nodar, fotógrafo de Baíñas , afincado en Londres, que percorreu o mundo e trae á súa terra , nesta mostra,  unha reflexión sobre como nos vemos a nós mesmos. O proxecto que presenta é un traballo inmenso e interesantísimo no que podemos atopar as magníficas fotografías de Antonio e esa xenial proposta de que cada artista retratado converta a propia imaxe nun autorretrato, transformando a fotografía inicial. O resultado é espléndido, sorprendente…

E esta mostra de Nodar lévame a reflexionar sobre como nos vemos a nós mesmos.

Ao tempo que se desenvolvía a inauguración desta mostra, un gran acontecemento cultural non só para Vimianzo, senón para toda a Costa da Morte, -pola talla de Nodar como artista recoñecido a nivel internacional , e polo novedoso da súa proposta- , ao mesmo tempo, digo, paralelamente na sala contigua un mitin do PP reunía simpatizantes desta forza política na comarca.

A metáfora non podía ser máis significativa.

A inauguración da mostra discorreu co barullo insensible de quen na sala do lado ignoraban totalmente un acontecemento cultural de tal índole……Os políticos que nos están gobernando ignoran totalmente o mundo da cultura e todo o que esta aporta á nosa sociedade. Eu penso que máis ben é que non queren esa aportación, a xente ignorante sempre é máis manexábel e é doado enganala con mentiras e falacias de todo tipo.

 

Na inauguración atopei a uns vellos amigos que se dedican ao teatro dende hai tanto tempo que xa nin o lembran, son do mellor que temos hoxe en Galicia, non direi o seu nome, – que xa por si só é sinónimo de calidade – e non direi os seu nomes porque poderían ser calquera outra persoa que se dedique a industria cultural no noso País. Contábanme que este ano non chegaron ás 5 representacións dos seus espectáculos, cando antes facían 60 ou 70. E, ademais, comentaban como nas case inexistentes subvencións da Xunta para as artes escénicas comprobaron que nin sequera se repartiron os cartos todos destinados a elas. Logo se hai partidas para estas subvencións, por que non se reparten?

Escoitase ás veces dicir que en tempos de crise hai que prescindir do superfluo e a cultura é o primeiro que se suprime. Pero quen di iso non se para a reflexionar que a xente da industria cultural tamén son obreiros, obreiros da cultura que teñen familias e que teñen que vivir e que moven tamén economicamente ao noso País e directa e indirectamente moitas persoas viven de esta industria cultural. As Administracións deberían pensar nisto antes de reducir as súas partidas para a cultura.

Claro que tamén é unha boa estratexia para rematar coa  cultura galega manter á xente que traballa nela  sen traballo, nas súas casas ou tendo que facer outras cousas para buscarse a vida. Contábanme os meus amigos como tiveron que volver aos seus comezos, como cando eran mozos, dando clases particulares de pintura , sempre mal pagadas e malvendendo o seu talento.

 

Volvemos á reflexión sobre un mesmo que espertaba en min a mostra de Nodar. E lévoa máis alá… como se debuxarían os nosos gobernantes? Como se verá a se mesmo quen non coida a aqueles que co seu traballo fornecen a nosa cultura, a manteñen viva, e tanto nos aportan ……

A xente que se dedica á cultura  está aportando algo fundamental á nosa sociedade, contribúe a mantela viva.

Creo que un pode pasar pola vida facendo un esforzo por crear cousas fermosas e valiosas para a comunidade, pode pasar contribuíndo a manter viva a cultura do noso pobo , contribuíndo a  sustentar a nosa comunidade…..ou pode pasar pola vida sendo o inimigo do seu propio pobo, e da lingua do seu pobo, sendo o maior inimigo do pobo que o puxo como gobernante, sendo o peor gobernante que unha cultura e un pobo poden imaxinar.

 

Antonio Nodar brillaba na súa noite. A xente de Baíñas brindaba logo por Baíñas e por Nodar orgullosos do seu, orgullosos de Nodar, orgullosos de Baíñas, orgullosos do noso…como reza o subtítulo da Sala Antón Mouzo.

Antonio Nodar,  fillo de Vimianzo que leva a Costa da Morte polo mundo e que nos trouxo o mundo enteiro a Vimianzo, na súa cámara, nos seus ollos. Unha aportación valiosa para toda a Costa da Morte.

Pero na sala contigua non mostraban moito interese, nin respecto por isto. Isto é o que temos.

Triste é o cantar que cantamos máis que facer , se outro mellor non hai?”  Dicíao Rosalía que sabía ben  do esquecemento ; a muller que dotou de voz a todo un pobo morría en condicións económicas absolutamente precarias e era soterrada nunha humilde tumba sen lousa nin cruz ( ata que a emigración cubana se moveu para  poñer fin a este esquecemento).

É certo que hoxe o cantar que cantamos é triste, moi triste, pero temos a responsabilidade de facer canto podamos para que o cantar mude.

Non vale o desencanto, nin a resignación, nin o todos son iguais. Temos unha oportunidade para facer escoitar a nosa voz. E non podemos desperdiciala.

Nas eleccións autonómicas anteriores moita xente non votou porque estaba descontenta coa política que se estaba facendo. Unha irresponsabilidade. A xente que daquela non se moveu a votar agora si que ha saber o que é estar descontento… e desesperado, e cabreado, e ….

Hai que ser críticos, pero tamén temos unha responsabilidade coa sociedade e  incluso con nós mesmos. Eu son unha persoa moi crítica, e quen me coñece sábeo ben, pero a pesar dos pesares (de moitos pesares , crédeme) , nas anteriores autonómicas saín a votar o mesmo que votei dende sempre, porque é no que creo, e porque creo que a pesares de decepcións ou da necesaria autocrítica, hai alternativas, e non quero , por máis que mo poñan difícil, renunciar a unha Galiza diferente ( as terras liberadas que dicía Novoneyra).

Eu quero que os meus amigos sigan facendo teatro moito tempo, quero gozar coas súas xeniais tolerías, e quero ler xornais en galego e libros en galego, e ver películas nosas, e mostras dos artistas tan bos que temos…

Eles que están azoutados pola crise fortemente, logo de contarme os apuros que están pasando comezaron a contarme o seu próximo proxecto teatral, a última tolería que andan argallando que será como sempre – se conseguen sacala adiante- xenial e divertida, e contábanmo ilusionados. Eu quero vela, eu quero gozar dela, eu quero seguir gozando da cultura e da arte nesta terra tan vizosa que é Galiza, chea de artistas , cunha industria cultural que da- daba- de comer a moitas familias e que alimenta as nosa almas, e que fornece a nosa cultura e enche de cor os tempos tan grises que estamos a vivir.

Eu quero gozar de todo isto, eu quero cantar outro cantar que non sexa triste, e vos?

 

 

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.