Mostra ” O meu mar” no Pazo da Cultura de Carballo

cartel da mostra, deseñado por Viki Berre

Mañá, xoves 28 de febreiro de 2013 , inauguro a miña mostra de pintura e escultura O MEU MAR.

A mostra ten 24 pinturas e sete esculturas dos últimos tres anos de traballo. O título está tomado dun poema de Gonzalo López Abente, que é un dos meus poemas de cabeceira pola fermosura coa que fala do mar bravo e rexo de Muxía, o mar que acompaña a miña vida, en tódolos sentidos. O mar danos todo, dende palabars da nosa fala, ata o noso sustento ou a forma en como nos enfrontamos á vida as persoas que vivimos na Costa da Morte. O meu mar é unha homenaxe ao mar e ás xentes do mar, homes e mulleres mariñeiras, que queren conservar esta cultura do mar: a tribo mariñeira que quere seguir vivindo xunto ao mar, e do mar; porque non entendemos o futuro da Costa da Morte sen ter en conta o mar e as súas xentes.

A mostra permanecerá aberta dende o 28 de febreiro ao 30 de marzo, no soto do Pazo da Cultura. Na inauguración lerán poemas do mar X. H. Rivadulla Corcón, Rosalía Fernández Rial, Miro Villar, Paco de Tano, Paco Souto e Suso Bahamonde.

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.