A CORUÑA AGARDA…

Hoxe ,ás 8 da tarde inauguro a mostra “O bruar da bughina ” na Coruña, en Portas Ártabras. Teño que agradecer a Felipe Senén a súa hospitalidade, ofrecéndome esta sala.

Sobre todo porque para min non é unha mostra máis. É unha mostra na miña cidade: A Coruña, na cidade onde nacín e me criei . Nacín na rúa de Hércules, no Barrio de Monte Alto . Logo vivin na Torre Benita, ese edificio que destaca pola súa altura, sobre a silueta do meu barrio..dende o que podía ver a Torre ,e máis tarde na rúa Santa Cecilia, fronte a Torre de Hércules tamén.

Ainda que son moi muxiá pola miña nai e familia materna -que eran de Muxía- e por total vocación, non esquezo a miña cidade, á que boto de menos máis a miúdo do que podería esperar vivindo xunto a un mar tan fermoso como é o de Muxía.

A Coruña, miña cidade, a miña casa…esa Coruña que mira ao mar con ese faro marabilloso co que eu xogaba de pequena, na noite. Nunca fun de moito durmir, e dende a miña cama xogaba a adivinar cando ia pasar a luz do vello faro , e pouco a pouco a luz e o xogo arrolábanme. Esa é a miña cidade, a do vello faro e a da xente obreira e mariñeira do meu barrio. Non coñezo outra Coruña. E cando escoito falar desa Coruña señorita pregúntome, pero… en que Coruña viven estes? A miña cidade non é así.

Pois alá levo hoxe a miña obra,emocionada,  xunto ese outro mar, que é o mesmo da Costa da Morte, porque tamén está habitado por mariñeiros, peixeiras e percebeiros.

Ah, canto me gustou sempre ir á praza de San Agustín coa miña nai ! ou a pescadería de Luisa, en Monte Alto e ver como limpaban o peixe esas mans áxiles, mentre daban conversa e sorriso. Sempre me gustaron as peixeiras. Teñen nelas a xenerosidade do mar e gustábame como nos falaban , sempre con cariño : “A ver guapa, lévame algo, mira que badexos máis bonitos…. “.Aquela primeira planta do mercado de San Agustín sempre me parecíu un paraiso, entre peixeiras, centolas e peixes…

Alí, nesa cidade mariña e traballadora soará hoxe a bughina…

 

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.