E A BUGHINA SOOU NA CORUÑA

Nos preparativos

O venres, 9 de maio, foi a miña inauguración nas Portas Ártabas da Coruña, unhas portas abertas á cultura e á arte,que fan deste lugar un lugar máxico , no epicentro da cidade vella, tras a Colexiata de Santa María. A mostra permanecerá alí todo o mes de maio.

O acto de inauguración foi o máis bonito que puiden imaxinar. Arroupada por moito público, amigos, familiares e persoas da cultura coruñesa. Tamén caras amigas muxiás. Doume moita alegría ter tanta e tan boa compaña.

A verdade que os mestres de cerimonia non podían ser mellores: Felipe Senén e Xurxo Souto, dous amigos e dous homes aos que admiro moitísimo e dos que aprendo constantemente. Estoulles moi agradecida polas fermosas palabras que me dedicaron, co seu cariño fixeron brilar dun xeito especial os cadros que nos acompañaban . Felipe Senén abriume as súas Portas Ártabras para que eu puidera fondear uns días a miña gamela na Coruña, cargada coas cores e a luz da Costa da Morte.

Xurxo fixo soar a bughina acompañado do incombustibel Xosé Iglesias, o poeta mariñeiro que leva o salitre nas veas e non se cansa de defender os dereitos dos traballadores e traballadoras do mar. Xosé fíxome un agasallo fermosísimo, escribindo un poema para min, un poema tan sentido como o noso amor polo mar. Deixoume sen palabras, emocionada.

Miguel Mato leu un conto sobre un corvo, logo de que eu contara algo sobre o simbolismo do cadro “Corvo mariño ( corvo muxián)”, ese corvo ferido de saudade por unha cultura que se nos escapa entre os dedos. Miguel é sempre un mestre que sabe falar con cercanía . Cando o escoito, a súa voz e o seu sorriso  fanme sentir na casa.

Tamén María José Fernández brillou decindo fermosas palabras dedicadas ás mulleres mariñeiras e ás mulleres do rural, palabras ditas coa súa voz sempre tan  cálida, coma a madeira dos bosques da súa terra. É unha muller moi fermosa.

Paco de Tano trouxo o salitre da miña querida Malpica, arrolándome na súa voz traballada polos salseiros, tan auténtica coma a súa amizade.E Corcón, sempre rompedor, improvisou un poema no que se mesturaba a reivindicación da nosa cultura mariñeira cun percorrido polos cadros que rodeaban a sala.

Na voz de todos eles soou a bughina que nos identifica, a bughina que percorre os tempos dende as mulleres que a tocaban polos camiños para anunciar a venta do peixe ata esa bughina que soa nas gorxas reivindicativas dos poetas. Certamente, escoitándoos creo firmemente que a cultura mariñeira non pode esmorecer, non mentres sexa cantada por tan marabilloso batallón de bughinas.

Moitas grazas a todos  eles e  a todos e todas os que nos acompañastes e fixestes unha noite máxica na que vibramos xuntos ao berro de : MEDRE O MAR!

con Felipe Senén e Xurxo Souto

    

 

Miguel Mato

 

Paco de Tano

 

María José Fernández

X. H. Rivadulla Corcón

Xosé Iglesias

 

 

 

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a E A BUGHINA SOOU NA CORUÑA

  1. Madó di:

    Como ti te mereces! Tivo que ser emocionante.

Os comentarios están pechados.