POEMA DE XOSÉ IGLESIAS

O venres, na inauguración de O bruar da bughina, Xosé fíxome este fermoso agasallo , escribiu un poema para min. Nunca puiden imaxinar que fixeran para min algo tan bonito, e o mellor foi escoitalo a el, coa súa voz transparente e limpa coma as augas do océano. Sentinme moi emocionada.  Moitas grazas Xosé, eternamente agradecida.
Déixovos o  texto:
  Viki Rivadulla
A Viki Rivadulla dóelle o mar.Sinteo , sabe dos seus segredos, do tamaño das ondas, do ángulo das cadernas para construir os navíos.É coma un lobo de mar que se adormece soñando coas caixas a tope por toda a cuberta. Arranca cada mañá o seu motor de gasoil, e embraga o eixo na procura de cardumes. Coma nós , busca os peixes trala ardora, e arría as redes no interior de si mesma. Brúa a corna, o carnou, a buguina, para reclamar ese instante en que pecha os ollos e aparece diante dela o seu universo oceánico. O mar , non remata na ribeira, remata alí onde nós vaiamos, porque para ela e para nós o océano o é todo. Sei que levamos o salitre moi adentro, que nos abate como o norte cara a costa, e nas veas de viki pérdense os mastros aló o lonxe, na curvatura do seu horizonte de meridianos e paralelos. E cando sae o sol, e escomenza a vira-las redes , os peixes tenden a invadila. Os cardumes xiran o seu carón para quedar inmortalizados nas súas mans. As rochas préstanse de modelos e recúbrense de percebes,  e estrelas. As sereas de Viki, existen, son aquelas mulleres que adentraron os seus pes nas praias, e levaron na cabeza o peso do seu sustento. Fixeron nazón co seu traballo infinito, e axudáronnos a dar avante , e por os rumbos cara o futuro. Os mariñeiros , vémonos refrexados nos lóstregos que desprende o espello da súa paleta chea de cores. Nela sobervivimos o paso do tempo. O medo, a tristura, o repouso, descansan en cada pincelada que recubre como o final dunha onda o papel en branco. E namentres vira as redes, os pinceis manchan as trallas , tintan os nosos corpos e o tempo dentense no lenzo. En cada cadro seu, pinga todavía nas esquinas o último salseiro que embarcou navegando no seu barco, coma un lobo de mar, navegando inmersa nos seus soños¡¡
                                                                                                                                                                   XOSÉ IGLESIAS

OS CARDUMES DE XOSÉ IGLESIAS, acrílico sobre papel, da miña autoría

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.