26 DE NOVEMBRO

Hoxe xa é 26 de novembro. Xa pasou. O mundo pode vestir de cores de novo. Pero eu sigo a pensar nela, a última víctima.
A súa nai pariu canda min, hai 26 anos. As dúas sacamos a luz o mellor de nós mesmas.
E penso na nena que foi. Cal era o seu xogo preferido, que quería ser de maior, que cousas facían que rira a escachar, como era a súa voz cando cantaba. E como imaxinaba a súa madurez que non chegou.
Penso nos seus medos, onde había refuxio para agocharse deles?
Penso nela. Un minuto de silencio non pode reparar todos os minutos non vividos. Todas as bágoas do mundo non abondan para choralas.
A vida non pode seguir adiante. Non, mentres elas non están.

ollos

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.